Wednesday 01 de May de 2024

Igualdade sinala a importancia da visibilización do papel das mulleres do rural coma elemento clave de dinamización social, económica e cultural


A secretaria xeral da Igualdade, Susana López Abella, participou hoxe en Ribadavia, na inauguración do acto do Día Internacional da Muller Rural

A secretaria xeral de Igualdade, Susana López Abella sinalou a importancia da visibilización do papel das mulleres no medio rural, superar a brecha de xénero en emprego e emprendemento, a conciliación, a promoción da incorporación de mulleres nos órganos e postos de decisión e participación rurais e o apoio ás asociacións do medio rural como elemento clave de dinamización social, económica e cultural.

Susana López Abella participou hoxe xunto o alcalde de Ribadavia, Ignacio Gómez e a presidenta da Asociación de Mulleres Rurais Nosa Señora do Portal, María Martínez, na inauguración do Día Internacional da Muller Rural.

Susana López Abella explicou que un dos obxectivos que se marca o Goberno galego é incentivar o emprendemento orientado á muller rural, coma elemento estratéxico para o crecemento económico e desenvolvemento pleno e duradeiro do medio rural, xa que constitúe unha garantía de futuro para toda a sociedade.

Polo que recordou que o Programa Emega que convoca a Secretaría Xeral da Igualdade para o fomento de emprendemento feminino, na súa convocatoria do ano que vén, primará os proxectos de ámbito rural cunha previsión orzamentaria para o ano 2016 de 1.359.800 euros, o que supón un incremento do 103 por cento con respecto á convocatoria do 2014.

O futuro do medio rural pasa pola creación de máis oportunidades e por mellorar a situación laboral das mulleres, pero tamén debe apoiarse as súas opcións educativas, culturais, de ocio, de acceso a tecnoloxías, servizos e infraestruturas, segundo palabras da Secretaria Xeral polo debe fomentarse a súa presenza, e participación na toma de decisións, tanto a nivel económico, como político e social. En definitiva, a potencialidade das mulleres como axente activo no ámbito rural é inmensa, pero é imprescindible posibilitar o acceso aos recursos necesarios en igualdade de oportunidades, fomentar a súa participación na toma de decisións e crear alternativas laborais para alcanzar un modo de vida máis sostible e equitativo.